Montag, 8. Dezember 2008

Os Weihnachtmärkten






Boas!!

Estiven percorrendo algúns Mercados de Nadal e vouvos facer un pequeno xogo de adiviñas, cal é cal e onde están cada un deles. Un mercado de Nadal é algo absolutamente típico destes lares e tamén o vin en Helsinki.
Son mercados ao aire libre en casoupas de madeira nas que venden productos de nadal, enfeites, boliñas para a árbore, puchos de la, e sobre todo, glüwein(viño quente con especies)flammkuchen, larpeiradas varias( champiñóns, patacas salchichas...) un paraíso do colesterol e da graxa. Son todos moi semellantes, algúns máis grandes, outros máis cativos, pero cada vila ten o seu. Aquí tedes as fotiños e xa me diredes de onde hehehe

Son de Trier, Bonn, Cochem e Bernkastel-Kues

Donnerstag, 20. November 2008

Comezamos coa música en alemán

Boas,

Xa hai unha tempada que tiña ganas de facer unha entrada sobre grupos de música alemáns e hai dous grupos que me gustan especialmente, e son Die Toten Hosen e Die Ärtze.

Hai moitos máis grupos como LAfee, Rammstein Tokio Hotel
Panik e moitos outros, coma os míticos Scorpions e a súa máis que coñecida canción "Wind of change"


Aquí vos deixo un tema dos Die Toten Hosen



E como boa suxestión musical achegada por Ritiña poño para o voso goce este tema dos Die Ärtze "Männer sind Schweine"



Agardo que gocedes coa música alemá

Donnerstag, 13. November 2008

Aniversario dun desastre




Despois de 6 anos deste desastre, non podemos esquecer. Seguimos sin un plano de actuación para o caso da seguinte catástrofe, seguimos sin buques anticontaminación, os culpábeis, tanto os políticos coma os responsábeis do barco e da carga seguen a estar libres e sen mancha.
E isto despois de 6 anos...

Dienstag, 11. November 2008

Chegar a presidente ou presidenta

Visto o visto nos últimos días co tema das eleccións nos EUA e xa que está de moda isto de chegar a Presidente, que fariades vós se mañá mesmo sodes elexidos/as Presidentes ou Presidentas do voso país? Non chega con ser presidenta/e da comunidade de veciñas/os, aínda que as veces éche ben complicado :-)

Cales serían as vosas primeiras medidas, os obxectivos o equipo de traballo.
Tede en conta que ser presidenta ou presidente non vai ser nada doado, fagas o que fagas vas ser criticada/o, xa sexa por acción ou por inanicción, xa sexa por subir os impostos ou por baixalos, por investir cartos en educación ou por investir cartos no exército...

Quero dicir, levariades até as últimas consecuencias as vosas propias ideas, do que é o país ideal para vós, ou pensariades cal é o país ideal para os teus e as túas paisanos e paisanas. Permitiriades as críticas? Que cousas prohibiriades? Ou non prohibiriades nada? Canto credes que durariades no cargo se levasedes as vosas ideas persoais até a fin?

Permitiriades o que agora non vos parece ben e odiades do sistema?

Cal sería a ideoloxía do voso país? A vosa?

Estas e outras miles de cousas son as que poden xurdir ao cando sexdes Presidente/a do voso país.

Se eu chegase a Presidente, non creo que durase máis de 6 meses no goberno, e xa me parecen abondo.

Pero, coidado co que facedes...

Déixovos un grande discurso para que pensedes e vos axude.

Apertas presidenciais

Donnerstag, 6. November 2008

Atarefadas semanas

Boas, que sorpresa que actualice tan de cote ehhhhhhhhh!!

Pois veredes, vou ter un semestre abondo complicado en canto a tempo e traballo.

Veredes. Comezamos o domingo, como todas as semanas, ás 11:00 teño que coller o tren para ir a Bonn a impartir un curso de galego no Centro Galego de Bonn que é de 14:30 a 19:30 volta para Trier contra ás 23:00.
O luns pola mañá subir á Uni para amañar cousas que sempre hai, titorías ás 15:00 e clase ás 16:00 e ás 18:00.
O martes clase de Competencia oral en italiano de 10:00 a 12:00 e despois pola tarde de 16:00 a 18:30 alemán. Preparar aulas, exercicios e demais.
O mércores vou tamén impartir un curso a Luxemburgo de 18:00 a 21:00, polo que vou coller o tren ás 17:00 e volta a casiña contra ás 22:00.
E o xoves máis unha co curso de alemán desta vez de 12:00 a 14:00 e pola tarde xa libre heheh.
E o venres xa é un pouco máis atarefado e abafante, de mañanciña de 10:00 a 14:00 italiano, gramática e textos. e xa de tarde ás 16:00 volta ao tren para Bonn, xa que teño o curso de 18:30 a 21:00 e volta para Trier xa de madrugada.

Unha semaniña completiña...Menos mal que no tren non é tempo perdido...

Como vedes, decidinme, xa que estou aquí, aparte de aprender alemán, loxicamente, voltar a recuperar o meu italiano, xa case totalmente esquecido.

Espero mellorar e superar a este, non será difícil heheheh

Mittwoch, 5. November 2008

O Principiño


Esta entrada é para celebrar o meu Principiño número 20 e que por esta orde de pertenza son: Galego, (o primeiro de todos e ao que máis cariño lle teño, aló máis menos cando tiña 5 anos) español, alemán, luxemburgués, portugués, italiano, francés, occitán, yiddish, alemán (audio-libro),chinés mandarín, catalán, aranés, inglés(edición de australia), neerlandés, inglés (edición de EUA), dinamarqués, unha edición preciosa en español de minilibro, edición de luxo aniversario da publicación en español e esta fin de semana un agasallo en Plattdüütsch(grazas Uxía).

Xa sabedes que se nas vosas múltiples viaxes tendes un segundiño para vos lembrar de min, calquera cousa relacionada co Principiño será benvida, claro está, mellor o libro nunha edición que aínda non teña, hehehe

Falando de viaxes, fomos eu e máis o Turzi de viaxe a Eslovenia, e queredes crer que non demos mercado o Libro en esloveno? Un centro comercial enorme, en Ljubljana, pero cando digo grande é xigantesco, tanto que había que se mover no coche dunha parte a outra e cun rueiro. É máis grande que o centro histórico da cidade, en fin...Ben, pois na libraría, só unha en todo o enorme complexo( ben se ve que o capitalismo salvaxe non gosta moito dos libros) non tiñan a edición eslovena nin ningunha outra. Cousas veredes.

Pois o colecionar Principiños non é nada estrano, hai páxinas e páxinas sobre o tema como a páxina oficial ou estoutra páxina con moitísimas edicións ou mesmo esta

E algo moi curioso exercicios de matemáticas, xa sabedes, como dicía o Principiño "O fermoso do deserto é que ten pozos agochados" aplicádevos o conto.

Dienstag, 4. November 2008

E chega o inverno

Pois si, xa estamos case no inverno, ou cando menos o que nos cremos inverno. Nestes momentos é outono que o inverno real non comezará até o 21 de decembro, pero, quen dubida de que este frío xa é de inverno? Ou dicimos, bufff que frío, nin que estiveramos en outono. Pero o que máis me gusta do inverno, e máis que do inverno o frío é que volves empregar eses abrigos e roupa pesada, e sobre todo as sorpresas que traen os petos; eses cartiños que atopas nos petos e te apuras a gastar, os teléfonos ou contactos daquela rapaza que viches pola noite en pleno inverno, aquel bolígrafo que xa deras por perdido...Tantas e tantas cousas que nos traen de novo os petos da roupa de inverno. Así que xa sabedes, revisádeos.

E déixovos un video, hehehe en plan cultureta, a Tchaikovski. Gozade do Baile das folerpas de neve

Mittwoch, 22. Oktober 2008

De novo por aquí

Boas, buffff xa non sei canto tempo hai que non fago un pequeno texto, en primeiro lugar quérolle dar a Martina os parabéns polo seu aniversario, o 10 do 10 que non me esquezo, pero...Ben, pois esta semana pasada estiven na Feira do libro de Frankfurt, e non vexades a de libros e máis libros e cando vos cansedes de ver libros, pois aínda vos quedan moitos máis por ver, e xa non digo a ler, que non creo que vos cheguen 3 vidas enteiriñas para ler todo iso sen parar nin para escribir unha entrada do blogue heheheh.

E digho eu...haberá tanta xente que le? :-) cantos libros levades neste ano?? Hai propostas de xente para ler 54 libros no ano, ou sexa un por semana. Eu non o conseguirei, cando menos este ano, pero algún ano prometo que si que o farei. Teño agora diante de min unha pila enorme de libros, 7 ou 8 que xa me queren chimpar enriba, libros para o seminario sobre sociolingüística deste semestre.

E aquí vos van algunhas curiosidades sobre os libros, sabedes que para que unha publicación sexa considerada libro ten que ter máis de 50 páxinas?
Que o libro máis pequeno mide 2'4 x 2'9 mm e que o máis grande 1'5 x 2'75 metros. Calquera se atreve con ningún dos dous...
Que a novela de Marcel Proust Na busca do tempo perdido ten 8 tomos e 1310000 palabras( quen as contaría??) Tendes tempo para lelo?
Que o libro máis traducido é A Biblia, traducida a máis de 20o0 linguas, que se saiba. Quen as soubera todas!!!

Aquí vos deixo un video sobre unha curiosidade á hora de ler



E moitas máis curiosidades que están nos libros. A ler...que a lectura nos fai libres

Donnerstag, 3. Juli 2008

Eurocopa de Fútbol

Ben, teremos que comentar algo sobre a recentemente finiquitada Eurocopa de fútbol.
O primeiro que podo dicir é que me alegro , moi moito de estar na emigración, tanto física coma mental...
O Bombardeo mediático destes días sobre a victoria da "vermella" foi abafante, e iso que tratei de me manter moi, moito á marxe. Gañou a Selección de fútbol de Todos, e mesmo era un tabú, máis aló que un tabú, non ter apoiado a esta Selección, lembremos dun deporte, que promove o Fair Play, de futbol do Estado Español (por certo sen galegos). Cando comentaba que non quería que gañase a Selección de fútbol do Estado Español; insultos, non o dirás en serio, iso non o podes dicir, etc...É ou non é futbol?? É ou non é un deporte? É ou non é...

O Nacionalismo español apropiouse desta victoria e disfrázao de liberdade, de ser cosmopolita, de acabar coas maldicións, de tantas cousas...


Isto da Selección de Todos veume á cabeza estes días co Manifesto asinado entre outros por Vargas Llosa e Sabater (por certo, fixarédevos que poñen nos asinantes (orden alfabético) e resulta que o primeiro é Vargas Llosa...heheh se non saben nin o abecedario...)no que tamén falan do idioma común, do democrático que é ter este idoma común ( e logo?? os países plurilingües non son democráticos...Suíza, Finlandia...)

Do marxinado que está a xente monolingüe(en español, claro) no Estado Español.
Que se os cidadáns teñen os dereitos e non os idiomas...E é por isto que neste sistema mixto do Estado Español de Plurilingüísmo; nin o individual de Suíza( cada persoa ten o dereito a ser atendido e a falar a súa propia lingua sen importar onde o faga) ou o territorial (onde só podes falar e ter o dereito a ser atendido na túa lingua nese territorio) e digo sistema mixto porque os falantes do Español si teñen un sistema individual, poden falar e ser atendidos nesa lingua aló onde foran dentro do Estado Español, pero os falantes de Galego, so temos dereito a ser atendidos en Galego na Galiza. Se pasamos a un sistema de dereito individual, "son las personas las que tienen derechos" eu feliz aaaahhhh e claro igualdade xurídica, dereito e deber de o coñecer tanto para o Galego coma para o español.

E despois disto, aínda pretenden que vaiamos coa Selección de Fútbol de Estado Español????

Mittwoch, 25. Juni 2008

Matrículas curiosas

Boas despois de ter pasado o trámite das opos, toca facer unha entrada. E desta vez vai ser unha curiosa, xa veredes...

Coas matrículas alemás podes ir en TREN desde KIEL até NEDA coma un KING e veralo todo tan de cor de PINK que crerás que estás no SKY

Freitag, 20. Juni 2008

Galiza

Galiza sen máis...
Verbo Galizar
Eu Galizo, ti Galizas, el/ela Galiza, nós Galizamos, vós Galizades, eles/elas Galizan

Oes, que galizado che quedou o debuxo...

Donnerstag, 19. Juni 2008

Opos...

Estou coas Opos, co que unha vez rematadas subirei unha chea de material acumulado no caixón estes días. Déixovos cun adianto do concertazo dos The Homens en Trier. Aínda non teño o video por problemas técnicos e do MAC ;-)





Bicos

Sonntag, 1. Juni 2008

A Weinprobe en Trier

Onte sábado fun a unha Weinprobe (Cata de viños) á adega máis antiga de Alemaña a Vereignite Hospiten Sancti Jacobi, xa vedes algo a ver comigo hehehe, aló fomos e había unha lista de 30 viños Riesling.

Pero o mellor de todo foi cando pasamos ao final da Adega e aló fomos catar viños de outra categoría, avellentados e de colleitas de autor. Eu non son, nin moito menos experto na materia, pero cando porbamos un viño que custaba 180€ a botella, era unha expectación terríbel, puxéronsemes os pelos crechos e ummmmm que rico sabía...O viño este chamábase Scharzhofberger do 2005

E claro despois de tanto viño o mellor foi rematar e ir tomar o sol ao Parque do Mosel.
Tiñamos que descansar a tella que levabamos.

Bicos e apertas