Dienstag, 27. Mai 2008

Concertazo en Trier

Boas, hoxe quérovos anunciar o megaconcerto de Trier. O vindeiro 11 de xuño teremos a The Homens de Santiago e a Neo de Trier nunha espectacular noite de Rock ao vivo nunha marabillosa sala de Trier a Exhaus. Aínda quedan entradas á venda polo que xa sabedes...Powerpop con The Homens...si señoras e señores aquí en Alemaña, por vez primeira...
Bicos e apertas

Sonntag, 25. Mai 2008

Gustavo César Veloso gañador da Volta a Catalunya

Pois si, aquí tendes, ao corredor do Karpin Galicia, Gustavo César Veloso, gañador da Volta a Catalunya 2008, PARABÉNS a el e a todos os compañeiros do equipo( Ezequiel Mosquera, Gustavo Domínguez, David García, Gonzalo Rabuñal, Iban Mayoz, Alberto Fernández e Eduard Vorganov) que traballaron arreo para o conseguir. Posibelmente a vitoria máis importante na breve historia do Karpin Galiza.
Gustavo comezou a súa traxectoria no C.C.C. Cambados Martín Codax coma min hehhehe ás ordes de Xosé María Conde(parabéns para el tamén).

A Volta a Catalunya é unha volta do calendario Pro Tour, a catagoría máis alta do ciclismo profesional.

Samstag, 24. Mai 2008

Chega a hora da miña Rúa

Ben, agora presentareivos a miña Rúa, a Bollwerkstraße, tamén coñecida familiarmente heheh como a "Rotstraße" e xa veredes pola fotos a razón deste popular nome.
É unha rúa cativa a carón da Casa do Concello(Rathaus) e paralela á Karl Marx Straße e se a alguén lle interesa, á carreira dun can das termas romanas de Bárbara ou as de Viehmarkt.

Como vedes está no centro e moi a man para calquera cousa...É unha zona chea de sex Shops, casas de vicio e perversión e como non Pubs e unha panadaría...

Por certo a miña casiña é esta que se ve na cima do Bistro Le Mambo heheh, algunhas cousas non cambian...

Freitag, 23. Mai 2008

Solución ao Edificio que vos preguntei...

Aínda ninguén me dixo nada do edificio que está ao carón da miña casa e mesmo ninguén pediu papas...mais aquí vos vai a solución...É o que lle chaman o Hochbunker, ou sexa un Bunker da II Guerra Mundial que non puideron ou non quixeron destruír. A verdade que o edificio impresiona, e eu que paso todos os días baixo a súa sombra...Actualmente emprégase coma almacén do Concello. Seguro que non lles entra ninguén hehehe.

Bicos e apertas

Dienstag, 13. Mai 2008

Polo direito a vivirmos en galego!!!




Manifesto: POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO

As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos:

1. Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.
2. Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.
3. Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.
4. Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.

Apoios: A Mesa

lingua azul