Esta entrada comeza na casa aló polo lonxano 4 de xaneiro, ás 16:00. Resulta que a esa hora saímos dirección Lavacolla para coller o avión que me traería de volta, ás veces son dun inxenuo que me dán arrepíos, hehehhe. O voo tiña previsto engalar ás 17:45, e xa na facturación, hehehe, foi moi simpático, dixéronme que por causas operativas o voo ía saír con retraso e que podía dar unha volta pero que non marchase do aeroporto...Comeza a aventura, a viaxe interminábel, a odisea 2009, o señor dos retrasos e cancelacións...os señores de pase ao seguinte mostrador...
Ás 19:30, saímos de Lavacolla co que ao entrar díxenlle, moi amabelmente, ás tripulantes de cabina que ía ser imposíbel que collese a ligazón ás 20:00 cara a Frankfurt, e elas, tan simpáticas, dixéronme que non me preocupase que seguro que o voo tería retraso( fíxate nas que andabamos, agardando que un voo tivese retraso) Despois de falar ben veces coa tripulación de cabina(gústame este nome ;-) )case chegando a Madrid dinme que o voo tiña retraso pero non o suficiente para que eu o collese, xa me vedes a min correndo polo avión primeiro, correndo polo aeroporto despois e preguntando amabelmente se xa saíra o voo para Frankfurt...Pois non, non saíra, o avión aínda estaba na porta, pero xa estaba pechada(sic) Iso si, cunha amabilidade... que daban ganas de dicirlles:
-Oes, perdoe polo meu retraso, pero e que por causas operativas, as miñas pernas non dan para máis, cheguei tarde.
E aló comezamos a facer filas, riolas, ringleiras, fileiras por todo o aerporto de Barajas. Primeira, no mostrador de atención ao usuario para cambiar o voo, 1h 20', déronme para o luns 5 ás 16:00, casualidades da vida, a esa mesma hora, eu tiña que estar na Uni para a miña clase :-( Expliqueillo, pausadamente, con paciencia e sen tratar de me alterar...Solución, que baixase ao mostrador de equipaxes para ver de retirar a maleta para se no mostrador de venda de billetes me podían cambiar o voo para Luxemburgo. Total, outros 50' na segunda fileira en equipaxes. Onde atopei outra persoa moi amábel que me recomendou que saíse nese voo das 16:00 que a maleta tardaría, mínimo 2h e media en saír( Agora me explico a razón de cantas se perden) Expliqueille o meu caso de novo. Polo que volta ao punto 2, 3ª fileira, mostrador de venda de billetes.
Xa neste mostrador, despois doutra 1h 25' de riola, non é posíbel o cambio, que non hai máis voos, e que tome o vale para o Hotel e un xustificante para xustificar o inxustificábel.
Pois aló imos á 4ª fileira da tarde, o autobús para ir ao Hotel, a peor con diferenza, fóra da terminal, ao frío uns 40' interminábeis e aguantando a unha señora, e ao seu marido, moi postiños eles con comentarios do tipo " a donde nos van a llevar ahora, seguro que a Vallecas" "nosotros no tenemos que aguantar esto" "y esos que se colan, cualquiera les dice nada, que seguro que te meten una navajada", " y que hotel será? y con toda esta gente...? cojemos un taxi y estes (chusma apunto eu)que esperen, ya después me encargaré de que pague Iberia. Xa vedes...
E non rematan aquí as aventuras da noite, ao chegar ao Hotel, por certo, unha pasada, o Meliá Madrid Princesa Moi impresionante, moito luxo, un machucán de almorzo que non sabía por onde comezar...
Xa o luns ás 12:30 volta a Barajas, e de novo, fileira, desta vez para mendigar algo de xantar de novo no mostrador de Iberia, outros 40'.
Vou cara á porta de embarque e sorpresa!! O avión vai con retraso, case 2 horas...
E xa por fin na casa, case 32 horas despois de saír da miña casiña en Santiago, e despois de máis de 5 horas de ringleiras varias, iso si con moitA AMABILIDADE heheehhe. E mesmo coa miña maleta...
Keine Kommentare:
Kommentar veröffentlichen
Dálle, pon a cabeciña a traballar e escribe un pouco máis :-)